
Xa estamos de volta, despois dun verán que se resiste a deixarnos. Pero xa é tempo de voltar a lecturas máis reflexivas.
Esta fin de semana tivemos a oportunidade de escoitar nas Xornadas de bibliotecas escolares a Guadalupe Jover. Escoitala foi unha experiencia extraordinaria. Eu diría que fala "como un libro aberto" e ademais comunica o seu entusiamo pola lectura literaria. Escoitar a Guadalupe incitoume a reler o seu libro Un mundo por leer e a recomendar a súa lectura. Pero ademais é imposible non ligala á Teresa Colomer e a súa obra Andar entre libros.
Ambas enfróntanse a unha serie de cuestións fundamentais ¿Por que ler na escola? ¿Para que serve? E ambas por camiños diferentes e con reflexións ben fundamentadas inciden na importancia de ler literatura para ler o mundo, para comprendelo mellor.
Creo que son dous libros de cabeceira que nos axudan a dar sentido ao noso traballo. Os dous son excelentes e eu diría que de lectura obrigada.