1 de febrero de 2011

A PRIMEIRA SAÍDA DO CLUB NO 2011


Celebramos a nosa primeira xuntanza do ano en Gres (lugar de nacemento do escritor Xosé Neira Vilas), co gallo do 50 aniversario da publicación de “Memorias dun neno labrego”, a obra máis lida da literatura galega.
O club propuxera reler o libro (reler porque todas e todos xa o leran con anterioridade- en solitario, en grupo, co alumnado, ...), o primeiro best seller da literatura galega, obra da que se venderon máis de seiscentos mil exemplares dende a súa publicación en Bos Aires.
Saímos de Pontevedra cara ao Cadoiro do Toxa...
A continuación visitamos o mosteiro de Carboeiro e o seu entorno.

Unha camiñada pola calzada romana conduciunos ata a Brea, a praia fluvial da Carixa.
Cara as dúas acudimos á cita con don Xosé Neira Vilas, con quen compartimos un estupendo xantar no que quedou moi patente a súa afabilidade e calidez, o seu sentido do humor e a súa estupenda memoria. Conversamos sobre o seu almorzo cotiá, a súa fundación, a súa dona e amizades, o seu traballo diario, os seus proxectos inmediatos, sobre a importancia dos clubs de lectura, sobre as súas visitas a diferentes centros educativos, sobre a asistencia á estrea da adaptación teatral que Cándido Pazó realizou sobre “Balbino” á que asistira o día anterior... e todo ilustrado con multitude de anécdotas.

Pola tarde tivemos a enorme sorte de contar cos comentarios do ilustre escritor sobre a súa obra nos locais do centro cultural de Gres (creado hai algúns anos pola Fundación Xosé Neira Vilas, este centro é posiblemente a única entidade do seu tipo na Galicia rural). Alí na sala de actos Luís Seoane falounos de Balbino e de como elixiu ese nome, de que o libro non era autobiográfico, de que Smith é inventado, do xudeu, das diferentes opinións sobre a obra e o seu posicionamento, sobre as primeiras persoas que leron o libro (un camareiro- Evencio-, Anisia Miranda, Dieste), sobre a actualización ortográfica, sobre as traducións do libro a diferentes idiomas – ruso, sueco, vasco, alemán, asturiano, maia, romanés, ...-, sobre a universalidade do tema do libro (Anisia “tamén foi unha nena labrega en Cuba”), sobre a adaptación para ser representado teatralmente, sobre as ilustracións e os ilustradores do libro en diferentes edicións – Xaquín Marín, Luís Seoane, Díaz Pardo-, sobre a paisaxe que o inspirou, sobre as numerosas persoas que estudaron e traduciron as vivencias de Balbino, sobre as edicións especiais, sobre a súa nova novela ...

Foi unha experiencia marabillosa e un día inesquecible.

6 comentarios:

Anónimo dijo...

Moitas grazas por deixarme acompañarvos a esta saída tan interesante. Xa estou agardando pola seguinte (se é que me invitades, claro).Felicidades pola organización e pola reportaxe fotográfica. Loli.

Anónimo dijo...

Foi unha saída moi xeitosa, incluso o “quilómetro e medio” de percorrido a pé se fixo corto. Que haxa novas propostas así, eu apúntome!

Anónimo dijo...

Estivo todo moi ben. Foi unha visita cultural en toda regra: monumento, paisaxe, libro e personaxe... Ideal.
Tamén estivo ideal o deporte engadido, mágoa que non fose un deporte postcomida!

Anónimo dijo...

Hai unha breve reseña no Diario de Pontevedra do xoves 10 de febreiro sobre esa saída

Anónimo dijo...

O señor Neira é unha persoa encantadora, afable... como todas as persoas ilustres

Anónimo dijo...

E pensar que todo isto comezou cunha lectura de Vargas LLosa...ton