29 de octubre de 2009

O pai de Migueliño CASTELAO

Na xuntanza do día 28 de outubro tivemos ocasión de comentar con Carmen Becerra este texto de Castelao e a curtametraxe inspirada nel que podedes ver premendo no enlace




O pai de Migueliño chegaba das Américas e o rapaz non cabía de gozo no seu traxe festeiro. Migueliño sabía cos ollos pechados cómo era o seu pai; pero denantes de saír da casa botoulle unha ollada ó retrato.
Os "americanos" xa estaban desembarcando. Migueliño e a súa nai agardaban no peirán do porto. O corazón do rapaz batíalle na táboa do peito e os seus ollos esculcaban nas greas, en procura do pai ensoñado.
De súpeto avistouno de lonxe. Era o mesmo do retrato ou aínda mellor portado, e Migueliño sinteu por el un grande amor e canto máis se achegaba o "americano", máis cobiza sentía o rapaz por enchelo de bicos. ¡Ai!, o "americano" pasou de largo sen mirar para ninguén, e Migueliño deixou de querelo.
Agora si, agora si que o era. Migueliño avistou outro home moi ben traxeado e o corazón dáballe que aquel era o seu pai. O rapaz devecíase por bicalo a fartar. ¡Tiña un porte de tanto señorío! ¡Ai!, o "americano" pasou de largo e nin tan siquera reparou que o seguían os ollos angurentos dun neno.
Migueliño escolleu así moitos pais que non o eran e a todos quixo tolamente.
E cando esculcaba con máis anguria, fíxose cargo de que un home estaba abrazando á súa nai. Era un home que non se parecía ó retrato; un home moi flaco, metido nun traxe moi floxo; un home de cera, coas orellas fóra do cacho, cos ollos encoveirados, tusindo...
Aquel si que era o pai de Migueliño.

25 de octubre de 2009

De novo Benedetti ¿E por que non lelo na rede?

Dado que estamos en tempo de crise imos aproveitar os recursos que nos ofrece Internet para ler na rede.
Propóñovos a lectura dunha selección de contos breves de Mario Benedetti na páxina web Biblioteca Digital Ciudad Seva - Cuentos. Aquí temos á nosa disposición máis de tres mil contos completos en formato dixital. Podedes entrar directamente aos contos de Benedetti premendo neste enlace. Son en total once contos moi breves, algúns de menos dunha páxina pero darán moito xogo.

A imagen y semejanza
Almuerzo y dudas
Beatriz, la polución
Corazonada
El Otro Yo
Gracias, vientre leal
La noche de los feos
Los bomberos
Pacto de sangre
Réquiem con tostadas
Sábado de Gloria

Dúas obras imprescindibles sobre lectura literaria na escola



Xa estamos de volta, despois dun verán que se resiste a deixarnos. Pero xa é tempo de voltar a lecturas máis reflexivas.

Esta fin de semana tivemos a oportunidade de escoitar nas Xornadas de bibliotecas escolares a Guadalupe Jover. Escoitala foi unha experiencia extraordinaria. Eu diría que fala "como un libro aberto" e ademais comunica o seu entusiamo pola lectura literaria. Escoitar a Guadalupe incitoume a reler o seu libro Un mundo por leer e a recomendar a súa lectura. Pero ademais é imposible non ligala á Teresa Colomer e a súa obra Andar entre libros.

Ambas enfróntanse a unha serie de cuestións fundamentais ¿Por que ler na escola? ¿Para que serve? E ambas por camiños diferentes e con reflexións ben fundamentadas inciden na importancia de ler literatura para ler o mundo, para comprendelo mellor.

Creo que son dous libros de cabeceira que nos axudan a dar sentido ao noso traballo. Os dous son excelentes e eu diría que de lectura obrigada.